"Loitemos, pois, a prol de que a 'euzoea' se converta en ideal e realidade viva e universal" Eutanasia ou 'euzoea'. Cómo vivir?
Porque en realidade se algo no fondo sempre queremos é iso: vivir ou, mellor, “ben-vivir”
"Cómpre, pois, repensar de novo os fundamentos mesmos das fontes das que se nutre o noso pensar, o noso querer, o noso relacionármonos co conxunto de realidade"
"O mundo, o universo, non se salva só, é dicir, sen a mutua colaboración e participación de todos, sen unha, pois, xeral 'euzoea', é dicir, sen unha conxunta participación na común tarefa de acceder ó 'ben vivir'"
"Non se podería dicir e proclamar que si, que xa “os tempos son chegados”, aquí tamén, de que outro mundo diferente xurda?"
"O mundo, o universo, non se salva só, é dicir, sen a mutua colaboración e participación de todos, sen unha, pois, xeral 'euzoea', é dicir, sen unha conxunta participación na común tarefa de acceder ó 'ben vivir'"
"Non se podería dicir e proclamar que si, que xa “os tempos son chegados”, aquí tamén, de que outro mundo diferente xurda?"
| Manuel Cabada Castro
A xa longa vida miña -permítame o lector a declaración– foi e segue a ser, cuns on con outros acentos, o pensar. O remoer no que me pasa, no que nos pasa, no que lles pasa ós demais, no que lle pasa a todo aquel (sexa ou non pensante) que está simplemente aí; no que lle pasa, dunha ou doutra forma, sobre si mesmo (ou sobre o que os demais pensan sobre el), no que lle pasa a quen pensa ser el mesmo un “ninguén”... Xa vellos pensantes dicían que o pensar ou filosofar comezou coa “admiración”. De quen non se abraia ante o “todo” que lle arrodea ou ante o que se agacha no interior de si mesmo pódese dicir que non comezou aínda verdadeiramente a pensar.
Todo isto vén dalgún xeito a conto en relación co estraño título destas liñas. Como tantas palabras da nosa lingua, asentada noutras máis antigas e conformadoras da nosa, a palabra “eutanasia” ten que ver con “ben” e co “morrer” ou coa “morte” (eu-tanasia: ben-morrer ou boa-morte). Ollando aquí e alá por se tal expresión puidera estar recollida nun sentido semellante ó que lle quero dar, algo atopei por máis que restrinxido a un significado práctico ou de mercado: o nome dado a un determinado e, polo que leo, excelente produto nutritivo baseado na oliva da oliveira e no mel da laboriosa avella; non, xa que logo, nun sentido amplo, xeral ou ideolóxico, que vén sendo o que pola miña parte lle quero dar.
Pois ben, sen loxicamente poder entrar aquí no problema político e humano da lexitimidade ou legalidade da práctica da eutanasia, si que avogo (quen non?) decididamente -incluso para debilitar un comprensíbel recurso a esta mesma- a prol dunha forte, persoal, social e política aposta a prol da que denomino “euzoea”, utilizando tal palabra nun sentido xeral ou omniabarcante.
Porque en realidade se algo no fondo sempre queremos é iso: vivir ou, mellor, “ben-vivir”. Como é posible que en tempos avanzados -tal e como din que son os nosos-, esteamos aínda metidos en guerras e violencias nunha gran parte do mundo? Non contradí isto absolutamente toda “euzoea”, é dicir, xustamente o que ardentemente desexamos?
Hai xa agora ben de anos (exactamente, trinta) que un bo día publiquei un amplo volume co seguinte longo título: Querer o no querer vivir. El debate entre Schopenhauer, Feuerbach, Wagner y Nietzsche sobre el sentido de la existencia humana. Foi xustamente na época destes intelectuais, vangardistas entón, cando xurdiu con forza a importancia filosófica e humana do vivir, é dicir, desta que agora denomino “euzoea”. Nietzsche, por exemplo, cantouno daquela con forza, boa arte literaria e convicción. Así, por exemplo, reconfigura el o Deus “tradicional” (para el negativo e anti-vida) coa seguinte e programática proposta: “Só crería nun Deus que soubera danzar"...
Cómpre, pois, repensar de novo os fundamentos mesmos das fontes das que se nutre o noso pensar, o noso querer, o noso relacionármonos co conxunto de realidade.
Non é doado entendérmonos mutuamente se non afondamos, tanto na teoría coma na nosa praxe social e política, na comprensión do conxunto desa realidade. Eis a labor do filosofar e do pensar! Unha laboura que, concretamente, non pode deixarse sen máis a mercé, por exemplo, das decisións e dos fortes intereses particulares ou gremiais de determinados e concretos grupos económicos ou dos seus “ideólogos” e voceiros. Alomenos desde Marx ben sabemos que son as chamadas “ideoloxías”.
O mundo, o universo, non se salva só, é dicir, sen a mutua colaboración e participación de todos, sen unha, pois, xeral “euzoea”, é dicir, sen unha conxunta participación na común tarefa de acceder ó “ben vivir”.
Un ben vivir, unha “euzoea”, que ha ter os seus alicerces na comprensión crítica das realidades concretas e particulares, mais tamén dos fundamentos científicos e filosóficos do conxunto da realidade. Estamos sós no mundo, no universo, ou o que así denominamos reflicte el mesmo a imponderábel e absolutamente infinita realidade da que toda grandeza existente (incluída a nosa) procede?
Non se podería dicir e proclamar que si, que xa “os tempos son chegados”, aquí tamén, de que outro mundo diferente xurda no que os mandatarios reais do mesmo no seu conxunto non sexan só ou predominantemente políticos (lastrados cos seus propios intereses) senón por sabios e entendidos do que é e debería ser un mundo coa meta posta no “ben-vivir” de todos, na “euzoea” universal?
¿Hai, se non, outro camiño para que as guerras -esa vergoña, ese crime contra a humanidade, contra a vida e contra a natureza- desaparezan?
Non se trataría de volver ós reis filósofos de Platón, mais non se ve tampouco como a denominada ONU co seu poder de veto dos cinco países “fortes” podería contribuír de maneira eficaz e determínante á aludida “euzoea”.
Pensemos e loitemos, pois, a prol de que a “euzoea” se converta en ideal e realidade viva e universal.
Etiquetas