"Compañeiro de camiños coa xente do pobo, foi case toda a súa vida párroco de Ribadumia e Leiro" Faleceu Dositeo Valiñas, memoria e compromiso coa Igrexa galega
O 23 de xaneiro faleceu Don Dositeo con 102 anos. Compañeiro de camiños coa xente do pobo, foi case toda a súa vida párroco de Ribadumia e Leiro na comarca do Salnés. Testemuña de moitos acontecementos da nosa historia, soubo interpretalos desde a bondade e a fe
Benquerido por toda a xente coa que se relacionaba, tiña unha mirada serea e profunda, aberta e esperanzada
Atento e vital, galego convencido e creente inquebrantábel. Así se nos mostra nesta entrevista publicada na revista Encrucillada
Atento e vital, galego convencido e creente inquebrantábel. Así se nos mostra nesta entrevista publicada na revista Encrucillada
Benquerido por toda a xente coa que se relacionaba, tiña unha mirada serea e profunda, aberta e esperanzada. Atento e vital, galego convencido e creente inquebrantábel. Así se nos mostra nesta entrevista publicada na revista Encrucillada.
Tomando café con don Dositeo
Por Marisa Vidal
(Entrevista publicada no Nº 154 da nosa revista)
D. Dositeo Valiñas Fernández é o párroco de Ribadumia, no Arciprestado do Salnés. É un home bo, magnífico conversador, memoria viva da Igrexa galega. Viviu en primeira persoa e en primeira liña de Igrexa a república, a guerra e o franquismo. A súa memoria é prodixiosa. Fala de vagar, e nos seus ollos pícaros vaise entrevendo aquel neno que, con 10 anos, cambiou a súa aldea de Vilarchán, na parroquia de Quireza, na Terra de Montes, polo Seminario Diocesano de Santiago. Mentres fala vai esfiando a historia en historias, e a memoria en recordos de persoas, ditos, lugares….
-Cando estoupa a guerra, en 1936, ten 16 anos, e está no Seminario de Santiago…
-Si, eu estaba no Seminario. Lía a prensa todos os días, e estaba bastante ao tanto do que ía pasando. Non se pode ocultar que había unha desorde social grande. A partir das eleccións de febreiro, a xente radicalizouse. Había unha grande sensación de falla de autoridade, de inseguridade. Os sindicatos facían o que querían, igual que as forzas de dereita, os falanxistas, carlistas, monárquicos… Recordo que en Santiago vivíase coa sensación do”aquí vai pasar algo”. Tampouco había unha autoridade que puxese orde, porque o goberno non controlaba as masas nin os sindicatos, que se estaban radicalizando en posturas estalinistas.
-Como foi o levantamento en Santiago?
O 16 de xullo de 1936 recordo que empezou a radio a dicir que se sublevara a tropa de África. Os republicanos, comandados por Lister, tomaron o pazo de Raxoi, e querían entrar tamén no pazo arcebispal, para así controlar o Obradoiro. Chegáronlles reforzos dos obreiros das minas de estaño de Lousame e Calo, provistos de dinamita. A tarde do 20 de xullo dixéronlle ao Sr. Arcebispo que pasara para a catedral, á casa do sacristán, onde agora está o arquivo, e el negouse a saír do pazo. Quedou alí con 3 ou 4 curas. Nós axexábamos desde o Seminario. Esa noite tentaron entrar varias veces. Tirotearon as ventás, con escadas quixeron acceder ao primeiro piso. Como non o conseguiron, tentaron prenderlle lume á porta do pazo. Eu estaba mirando desde a ventá do seminario. Naquel momento houbo un ruído forte, como unha tronada, e os que estaban preparando a queima deixaron alí o bidón e saíron correndo polo carreixo de Val de Deus.
Uns días antes, a un seminarista, Xosé Selas, que era moi moreno e pasaba por mineiro, mandárano a Raxoi para que mirase como estaba a situación. Volveu espantado porque estando nunha reunión, no salón de plenos, un dos presentes sacou unha arma e púxose a disparar ao alto. Pensou: “aquí non hai control ningún. Este pode matar a calquera, mesmo a min, e non hai quen o deteña”.
Santiago caeu porque o comandante militar, Bermúdez de Castro, díxolles aos mineiros que mellor que foran defender A Coruña. Foron aló en coches de Castromil, pero ao chegar á ponte da Pasaxe, Na entrada da Coruña, estaban os militares esperándoos. Ametrallaron neles a conciencia. Moitos morreron, outros quedaron por alí polos montes e algúns volveron a Santiago a pé, pero cando chegaron aquí xa os militares se fixeran donos da situación. O exército entrara en Santiago o 21 de xullo, á 1:30 ou 2 da mañá. O alcalde de Santiago, Angel Casal, era moi boa persoa, foi dos primeiros fusilados. Segue lendo
Etiquetas