Torres Queiruga, teólogo galego e universal

Enterabámonos a semana pasada que os bispos españois “preparan” a condena de Andrés Torres Queiruga. O chef dos informadores relixiosos libres da peníncula, o galego José Manuel Vidal, dicía en Religión Digital que o secretario da comisión episcopal que vixía a ortodoxia teolóxica, José Rico Pavés, tería preparado un informe xustificando a condena global da súa obra. A miña primeira reacción, tras mandarlle unha mensaxe de apoio ao mestre, colega e amigo, foi que non estraña a reacción do propio Queiruga ao ser informado da noticia, verbo de que se emitira un xuízo condenatorio sen falar con el; pero o que estrañaba era que dixera que isto lle resultaría “alleo ao máis elemental sentido democrático e totalmente contrario ao Evanxeo”.

El sabe moi ben que está desde hai tempo no punto de mira dos cancerbeiros da ortodoxia, que o teñen censurado en máis dunha ocasión, sempre veladamente pola seriedade do seu discurso teolóxico; pero a práctica xerárquica de non dialogar cos teólogos, senón só de comunicarlles a súa condena, é tristemente habitual. Por iso, é posible que tamén nesta ocasión se veñan atrás; aínda que, na deriva “estreita e dogmática” dos bispos españois –que el mesmo recoñece-, non sería estraño que esta vez si o condenaran.

Aínda non coincidindo teoloxicamente en todo, esta condena sería un absurdo e un suicidio eclesial máis (el non foi o primeiro). Un suicidio desde o punto de vista da experiencia cristiá da fe e do traballo teolóxico, polo moito que ten aportado e segue a aportar a xente relixiosa cristiá e tamén a xente non relixiosa. Especialmente, neste momento no que a Igrexa española está a vivir graves problemas na sociedade, particularmente no diálogo coa cultura, precisamente polas posicións máis ultras de algúns xerarcas.

Queiruga ten aportado unha visión máis crible de Deus, una visión dun Deus no que mereza a pena crer; un pai-nai amoroso, todo amor, todo apoio incondicional na dura loita de cada día... sen rastro da maldade xusticeira, nin da arbitrariedade caprichosa que tantas veces se lle tena posto na historia e aínda se segue a apoñerse. Louis Evely, pensador e escritor relixioso francés, a quen o noso teólogo admira desde hai anos, ten dito sabiamente a este respecto: “Se non es mellor que os deus a quen adoras ¡pobre de ti!”. Un Deus para os homes e mulleres hoxe, a quen non compre pedir axuda insistentemente para que nos escoite no noso desvalimento, senón que xa está “atento” ás nosas necesidades. Queiruga ten aportado tamén un concepto da revelación xudeo-cristiá e relixiosa en xeral non como un “dictado” exterior dun deus que está nas alturas, senón como a manifestación ao xeito socrático de Deus desde dentro da historia e desde o interior de cada persoa; do mesmo xeito que é un Deus que non impón unha moral particular para gañar o ceo, senón que esa moral é unha ética humanizadora que os humanos van descubrindo na súa vida diaria e histórica.

Hai agora quince anos –con ocasión do seu título de “galego egrexio”- escribín que Torres Queiruga, era non só un teólogo e un intelectual de talla excepcional, senón un verdadeiro “luxo para Galiza”, non porque non mereceramos persoeiros así e moito máis, senón porque non son habituais. Persoeiro e faro na actualización da reflexión teolóxica da fe real, a da xente concreta, e non un xogo intelectual dos profesionais da teoloxía; tamén no compromiso inquebrantable co galego, como lingua deste país, válida para o ensaio filosófico.

Con todo, a xente non é parva e saberá situarse. Mesmo estou convencido de que condenas así o único que fan e promocionar a un pensador. Os escritos e o pensamento de Torres Queiruga acadará máis difusión, como se merece; una difusión que xa vai alén do espacio galego e mesmo español, para ser un teólogo de renome internacional.

Victorino Pérez Prieto
Volver arriba