"Seráfico Isaac, laico santo, lonxe de fachendas" Isaac, unha loita inocente e libre contra a morte
Tralas matanzas “patrióticas”, supostamente robustecedoras da saúde dun fatuo imperio non hai desde logo un presunto Deus abrahámico que esixa sacrificios humanos
Isaac puido ser así testemuña e testamenteiro de non poucos dos que morreron illados ou en boa parte esquecidos pola historia, case sempre escrita ó seu xeito polos supostamente vencedores
Díaz Pardo puido aproveitar o tempo vivido tralo asasinato de seu pai pra demandar pola súa parte un comportamento social e político digno e xusto ante os indignantes asoballamentos dunha historia ben próxima
“Para superar el pasado hay que conocerlo. Si nos lo ocultan, el daño se seguirá cometiendo y no se puede perdonar un daño del que no nos hemos arrepentido".
Díaz Pardo puido aproveitar o tempo vivido tralo asasinato de seu pai pra demandar pola súa parte un comportamento social e político digno e xusto ante os indignantes asoballamentos dunha historia ben próxima
“Para superar el pasado hay que conocerlo. Si nos lo ocultan, el daño se seguirá cometiendo y no se puede perdonar un daño del que no nos hemos arrepentido".
| Manuel Cabada Castro
Deixarse matar polos mortíferos, polos virus pestilentes dos que exercen inxusta e impunemente o matar, sería a meirande vitoria dos covardes asasinos de seu pai Díaz Baliño, pois así desfaríanse eles non só do que por eles fora sinalado pra morrer senón tamén da proxenie testemuña da exercida barbarie. A semente, porén, no noso caso Isaac Díaz Pardo, non é tan doado matala ou desvirtuala, porque calquera semente adoita ser cativa e pequerrecha e sabe agacharse nos máis recónditos, case invisíbeis, recunchos da natureza virxe e acolledora.
Tralas matanzas “patrióticas”, supostamente robustecedoras da saúde dun fatuo imperio non hai desde logo un presunto Deus abrahámico que esixa sacrificios humanos, senón simple e vil exercicio dun autoproclamado imperio fronte a quen non son menos en entidade e dignidade cós seus abxectos agresores.
Cando Camilo Díaz Baliño, seu pai, foi eliminado, era Isaac un adolescente que aínda non chegara ós dezaseis anos e a vida bulía xa nel con fervor propio. Foi el quen recollería con garbo o legado artístico do seu proxenitor e o multiplicaría de mil novos xeitos no tempo do seu vivir. Persoalmente, teño que dicir aquí que percibín de maneira especial a apertura e agarimo xenerosos do seu bo facer cando lle presentei pra a súa posterior publicación nas Edicións do Castro o orixinal do meu escrito Paixón poética e militancia galeguista. Estudio biográfico sobre Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936).
Meu tío, Cabada Vázquez, non só fora íntimo amigo de Díaz Baliño, senón que coñecera tamén o seu fillo Isaac (tal como se pode ler nas cartas que el dirixe a seu pai), por máis que Isaac fose aínda case un rapaz. De ámbolos dous foi Isaac, pois, desposuído case ó tempo, dado que entre o pasamento de Cabada Vázquez e o do propio Díaz Baliño no ano 1936 nin sequera cinco meses chegaran a transcorrer. Historias e biografías entretécense así, tantas veces, de modos inesperados e imprevisíbeis.
Isaac puido ser así testemuña e testamenteiro de non poucos dos que morreron illados ou en boa parte esquecidos pola historia, case sempre escrita ó seu xeito polos supostamente vencedores. Así o vén comentar o propio Isaac cando no seu escrito Galicia hoy y el resto del mundo aludía a aqueles que el, novo aínda, puido ver e coñecer cando visitaban Díaz Baliño no seu obradoiro compostelán: “Por allí pasaban –dinos Isaac- muchos galleguistas, que dejaron abundantes testimonios escritos que conservo”.
Entre eles está, por exemplo, a seguinte carta de Cabada Vázquez, dirixida a Díaz Baliño e conservada polo seu fillo Isaac, quen no seu momento ma facilitou. Cabada Vázquez escríbella o 23 de maio de 1931 ó pai de Díaz Pardo cando Díaz Baliño se atopaba por terras de América nunha xira artística coa Coral de Ruada. Tomo dela algúns parágrafos:
“Meu querido amigo e irmán: ¿Será que no teu viaxe a esas terras afogaches nas salgadas augas do Atlántico a amistade que nos xunguira? Coido que non acontecería así, aínda que o teu longo e escuro silenzo o pareza confirmar [...] Mais con todo, soupen revolverme pra saber algo de vós e dos vosos trunfos.
Aquí isto anda todo revolto. Por Galicia adiante anda unha manchea de "bos e xenerosos" chamando ás concencias da xente. Inda que traballamos, temo que non académo-lo froito cobizado. A min, os da miña banda —xa sabes de quenes falo— xa me teñen fichado [...] Hoxe estiven na túa casa con a túa muller e con os teus fillos. Falamos todo o tempo de ti. Queren que os mandes ir, se te quedas ahí; pois según me dixeron parece que non pensas voltar tan axiña. Eu xa ti sabes como penso acerca dise asunto, polo que temos falado denantes da túa marcha. O de aquí xa o coñeces, e polo tanto debes de aproveita-las boas ocasións se é que che se ofrecen ahí. A ver se inda nos topamos algún día por alá [...]. Debes de escrebirlle á túa muller dereitamente, e falarlle de xeito que a tranquilices, pois xa sabes canto che quere, e canto se alegra coas noticias dos teus trunfos. Todos están moi ben, e moi contentos e queren saber se pensas de verdá quedarte por ahí, e d'entón cando vas a mandalos ir [...]. Quero que esta carta a contestes asemade que a recibas, e me contes moitas cousas de ti e do Coro. Escribe longo e tendido sen dor da tinta nin do papel.
Namentras por riba do mar tendo os meus brazos abertos pra estreitar nunha aperta garimosa ó bo amigo. ¡Terra a nosa!
Teu sempre affmo e irmán. José M. Cabada Vázquez”
A amizade e a vida proseguirán aínda, por máis que esta última estea xa próxima a rematar. Cando Cabada Vázquez está a exercer como Director do Instituto Nacional de Segunda Enseñanza de Linares (Xaén), escríbelle de novo o 15 de decembro de 1935 desde terras andaluzas ó amigo Díaz Baliño “desexándolle moi felices Páscoas de Nadal e próspero Aninovo”. O pai de Díaz Pardo responderalle o 18 de xaneiro de 1936 deste xeito:
"Amigo Cabada: Recibín o teu E. L. M. Ben e moi ben que te lembres dos amigos e irmáns. Mais ¿cando me mandas a nova da túa voda? Cómpre que o fagas. Xa non tes impedimento; que a laboura do home na vida é o primeiro facer homes ... ou mulleres. Un fillo teu, ou unha filla, ten que ser por forza un patriota. Agardando esa nova e agardando sempre a libertade da Terra, libertade compreta, libertade no senso enteiro da verba, abrázate teu irmán na causa e na Libertade. Camilo Díaz Baliño."
Só poucos meses de vida lles quedaban neste intre a ámbolos dous.
Cómpre en calquera caso ter en conta que, xa con anterioridade a estas manifestacións epistolares, entre Cabada Vázquez e o pai de Díaz Pardo existía un nidio vencello de amizade que levou por exemplo Díaz Baliño a lle remitir ó político e poeta estradense un exemplar do seu Conto de Guerra (1928) cunha dedicatoria con data “Na festa de Galiza do 1930” na que el describe Cabada Vázquez como “irmán galego - corazón esgrevio, irmán entre os irmáns, amigo entre os amigos, home entre os homes”.
Ademais, nesta época (e pra saíren á luz a comezos do ano 1931) estaría Cabada Vázquez, en estreita colaboración co pai de Díaz Pardo, preparando unha edición conxunta dos seus poemas que levaría como título Vagalumes. Pois dáse a circunstancia de que foi xustamente Díaz Baliño quen quixo que quedasen manifestas mostras do seu xenio artístico e gráfico na edición de Vagalumes do seu amigo, tanto na fermosa portada do volume como nas numerosas viñetas e motivos artísticos que acompañan comezo ou final de diversos poemas do seu amigo estradense.
A verdade é que tanto Díaz Baliño como Díaz Pardo traballaron arreo pra axudar non só a descubrir senón tamén a producir obra literaria, artística, etc. galega pra así dotaren de dignidade un pobo, un país, historicamente dependente dunhas instancias, tanto políticas coma culturais, alleas a el, mais que lle foron impostas. Este foi o seu común gran mérito ante nós, mais tamén o “pecado” que os seus inimigos non lles perdoarían. Por iso Díaz Pardo puido aproveitar o tempo vivido tralo asasinato de seu pai pra demandar pola súa parte un comportamento social e político digno e xusto ante os indignantes asoballamentos dunha historia ben próxima.
E pra iso era necesario rememorar feitos e intentar que os agresores asumisen as correspondentes e xustas responsabilidades. En calquera caso non era aceptábel deixarse levar por unha cómoda, irresponsábel e alienante “desmemorización”, incapaz de enfrontarse coa maldade e a inxustiza. Así nolo vén explicar o propio Díaz Pardo no seu mencionado escrito Galicia hoy y el resto del mundo:
"Creo que el enfrentamiento, la violencia y la confusión de los primeros años del franquismo no fueron lo peor. Lo peor sería la sistemática desmemorización y desorientación que se nos impuso durante cuatro décadas. Y esto es lo que ha causado el mayor mal en la sociedad de nuestro tiempo, sobre todo entre nosotros los gallegos. No es el peor mal para un individuo que le maten a sus progenitores sino que lo dejen con la boca abierta y desmemoriado para toda la vida [...] Pero la desmemorización es el arma más poderosa que manejan los enemigos de Galicia y es la causa de la confusa situación en que nos encontramos hoy".
Díaz Pardo teno, pois, moi claro:
“Para superar el pasado hay que conocerlo. Si nos lo ocultan, el daño se seguirá cometiendo y no se puede perdonar un daño del que no nos hemos arrepentido".
E engadirá aínda no mesmo escrito:
“La desmemorización de los hechos y sobre todo de las personas que los protagonizaron produce desasosiego cuando queremos recordarlos y se fueron borrando los testimonios que los definían, y es un dolor ver que pasan como si no hubiesen existido y queda sólo de ellos un débil rastro sin nombre ni imagen, como si hubiésemos colaborado, por oportunismo, en el asesinato de su recuerdo [...] Sólo se puede justificar [la desmemorización] por el asilvestramiento que ha tratado de hacer el franquismo con nosotros y a veces también por la envidia asociada que no perdonarían el ejemplo de lealtad que trasciende de algunos hombres".
É esta unha idea na que sempre insistirá Díaz Pardo, incluso na súa época máis madura cando por exemplo denuncia aínda en 1998 que o réxime franquista “sobre todo na Galiza secuestrou a memoria histórica”.
Por iso é absolutamente obrigado que a propia memoria de Díaz Pardo non sexa ela mesma esquecida, cando ben consta que el non deixou de fustrigar e criticar a nosa xeral desmemoriación sobre acontecementos e feitos inhumanos que nos deberían fondamente interpelar.
E remato xa a xeito de invocación:
Seráfico Isaac, laico santo, lonxe de fachendas. Debullaches coma dourados grans de millo as doas do rosario da túa mazaroca familiar herdada. Que outra cousa facer ante a ausente presenza roubada da agarimante espiga campesiña? Foi aquilo verdade ou foi un soño? As papoulas vermellas daquela noite infausta que callaron no peito e na fronte patrucial e amiga deron elas pulo ós teus patrios ideais ou xa os soñabas ti mesmo en soños turbulentos? Sándanos, Isaac amigo, dun tentador e enervante alzhéimer comunal, da fuxida de nós mesmos cara a unha morte sen coroas de papoulas leves coma o vento, que nos soergan do sono frío. Quéntanos, Isaac, co ardor que buligaba nas túas mans de artista e naquela túa mente inqueda por idear e construír unha Galicia firme con rexos pés de senlleiro carballo comunal que sexa quen de acubillar á súa sombra cantos se asemellan a ti.
[Publicado en “Unha manda de pezas para Isaac”, 19 de febreiro de 2021: https://mandadepezasparaisaac.blogspot.com/2021/02/manuel-cabada-castro-isaac-diaz-pardo-e.html]
Etiquetas