"Hai circunstancias nas que calar pode supoñer covardía ou debilidade ética" Xose Maria Pin Millares: “De relixións de novenas e procesións e de patriotismo de bandeiras, libera nos Domine”

Patriotismo de balcón
Patriotismo de balcón

"Se por un casual lle propoñían facer rogativas porque non chovía, aconsellaba con retranca e fonda teoloxía: 'facer pozos, que a auga, tamén, vén de abaixo'"

"Comentaba que había que ter moito respecto aos símbolos, pero que os símbolos non eran a realidade e que levados ao extremo eran o camiño do fanatismo e da superstición"

"Colocar bandeiras a media hasta e celebrar un funeral de Estado, un non sabe se se trata dunha broma macabra ou dun pesadelo"

Coñecín hai bastantes anos a un crego retranqueiro, tan bondadoso como intelixente, que desprendía sabedoría e sentido común con xenerosidade. Home de fondo compromiso cristián, falaba con sinceridade. Se por un casual lle propoñían facer rogativas porque non chovía, aconsellaba con retranca e fonda teoloxía:”facer pozos, que a auga, tamén, vén de abaixo”.

Tampouco era partidario de estandartes, bandeiras e cousas deste estilo. Comentaba que había que ter moito respecto aos símbolos, pero que os símbolos non eran a realidade e que levados ao extremo eran o camiño do fanatismo e da superstición, segundo el a palabra bandeira estaba emparentada con bandido e bandoleiro, banda.

Era home de libros, e mesmo, citaba unha frase de don Miguel de Unamuno, sempre o trataba con moita reverencia, recordando que algúns patriotas confundían Patria con Patrimonio. En relixión a súa fonte era o Evanxeo, as parábolas do Señor, dicía. Nunha ocasión, isto para os dous, díxome, ”teño para min que o cristianismo máis ca unha relixión é unha maneira de comportarse, Deus vive nos irmáns, ritos e cerimonias son de creación cultural, os emperadores romanos, tamén, tiñan a súa liturxia que despois copiaron os papas e os mosteiros”. Vai ti a saber¡

Pedro Sánchez anuncia un "homenaje público" a las víctimas del coronavirus
Pedro Sánchez anuncia un "homenaje público" a las víctimas del coronavirus

Hai anos que, por respecto aos posibles lectores, fixen o propósito de non escribir en ningún medio de comunicación, entre outras razóns, por non tomar en van, algo tan sagrado como é a palabra, pero hai circunstancias nas que calar pode supoñer covardía ou debilidade ética.

As circunstancias que vive o noso país, España, Galicia e o mundo enteiro son dunha dificultade e complexidade enorme. Para problemas complexos non serven solucións simples e viscerais. Está en xogo a vida, é dicir, todo. Por iso cando hai poucos días, desde máximos responsables políticos propoñen como gran resposta, colocar bandeiras a media hasta e celebrar un funeral de Estado, un non sabe se se trata dunha broma macabra ou dun pesadelo. En ningún aspecto da vida son iguais todas as condutas. A nobre actividade política, a que serve ao seu País, non pretende destruír o adversario, un político honesto e intelixente, sabe que á gobernabilidade, tamén, se contribúe desde a oposición. Falar é imprescindible, se alguén se nega a falar indica que prescinde da facultade que o fai humano, convértese nun bruto, é dicir, escolle como camiño para solucionar os problemas a violencia. A súa máxima sería: ”para qué imos intentar solucionar os problemas falando se o podemos facer a trompazos”, isto é, coa trompa como órgano de reflexión.

Historicamente a dereita española moveuse con insistencia na irracionalidade, convencida de que este país e de seu e que o goberno lles pertence por dereito divino, esquecen que quen quita e pon os gobernos é a vontade popular, “o povo é quen máis ordena”. Non son nin os condes, os marqueses, os banqueiros ou bispos, por moito poder que teña, nos depositarios da gobernanza.

Pedro Sánchez, Pablo Casado e Inés Arrimadas
Pedro Sánchez, Pablo Casado e Inés Arrimadas

Os partido políticos son esenciais para o funcionamento democrático e, mesmo, cando están na oposición teñen a obriga de colaborar e contribuír na gobernanza. Hai que facer propostas, argumentar, e non valen xeneralidades abstractas, do calibre de “non creo nas súas propostas, o goberno exércese mediante acordos e pactos, non mediante actos de fe, ou” quere arruinar o país, "comunista, bolivariano, castrista” ou xudializar todo. Non estaría demais recordar a tales encerelladores unha carta de Adriano de Utrecht a Carlos V: “si los  príncipes alemanes quieren entregar su alma al diablo que lo hagan, pero a S.M. que le paguen los tributos que le deben”.

Algunhas bufonadas do señor Casado, poden escusarse por ter feito a carreira de dereito en cursos acelerados en universidades amigas. Por exemplo, culpar ao goberno e ao señor Sánchez da pandemia e das mortes producidas ou de parapetarse detrás da ciencia, supera o colmo da idiotez e indica que descoñece algo tan elemental coma o significado de “forza maior” como acontecemento que aínda que fose previsible sería inevitable. Claro que se pensa que o seu papel é confundir, enfrontar, crispar, haberá que concluír que está fóra de sitio e mesmo alienado.

"Algunhas bufonadas do señor Casado, poden escusarse por ter feito a carreira de dereito en cursos acelerados en universidades amigas"

O goberno e a oposición portuguesa están dando un exemplo de equilibrio e de patriotismo. Soamente desde a colaboración se constrúe, para cooperar con lealdade e eficacia non é necesario compartir toda a ideoloxía, pero si é imprescindible nobreza, e moverse con criterios de verdade, de sinceridade e de altura de miras, que o horizonte non estea marcado pola mesquindade e polo raquitismo moral. Cando Cánovas del Castillo dixo con tanta amargura aquilo de que “español es aquel que no puede ser otra cosa”, posiblemente pensaba nestes repelentes que fan imposible a convivencia democrática e empobrecen as posibilidades que ofrece a diversidade respectuosa.

Coronavirus
Coronavirus

Volver arriba