"Hai fonda sensación de orfandade" Lembranza agradecida de Engracia Vidal Estévez: "Sen ela Encrucillada resulta impensable"
"Facer en Encrucillada memoria de Engracia, sería como lembrar a auga das nosas rías. Engracia non só forma parte inseparable da revista ao longo dos seus máis de corenta nos, senón que tivo parte moi principal no nacemento"
"Despois, como secretaria e moito máis ca secretaria, foi coidadora fiel e fundamental no seu crece-mento e maduración. Sen ela Encrucillada resulta impensable. Hai fonda sensación de orfandade"
"Por iso non me puiden resistir a un simple in memóriam, que parecería arredala para sempre de nós. Tampouco sería verdadeiramente unha reacción cristiá"
"Por iso non me puiden resistir a un simple in memóriam, que parecería arredala para sempre de nós. Tampouco sería verdadeiramente unha reacción cristiá"
| Andrés Torres Queiruga
Facer en Encrucillada memoria de Engracia, sería como lembrar a auga das nosas rías. Engracia non só forma parte inseparable da revista ao longo dos seus máis de corenta nos, senón que tivo parte moi principal no nacemento. Despois, como secretaria e moito máis ca secretaria, foi coidadora fiel e fundamental no seu crece-mento e maduración. Sen ela Encrucillada resulta impensable. Hai fonda sensación de orfandade.
Por iso non me puiden resistir a un simple in memóriam, que parecería arredala para sempre de nós. Tampouco sería verdadeiramente unha reacción cristiá. Unha acción de grazas, un eucharisteín, un activo facer memoria, como a que facemos de Xesús naeucaristía é máis axeitado. Memoria viva en presenza crente: na comuñón dos santos. Necesitamos a coraxe de tomar en serio que Engracia, non «alá onde estea», senón na comuñón viva e gloriosa con Deus, continúa acompañando e animando. Convidándonos a non cedermos á fatiga nin, de maneira máis insidiosa, ao desánimo ante a precaria situación da nosa igrexa, tan carente de persoas e recursos para levar adiante obras colectivas, sostidas na cohesión obxectiva dunha comunidade comprometida, en marcha e saída.
Se algo ensinou a nosa Engracia, por temperamento e convicción, foi non dar nunca nada por acabado nin, menos, por perdido. Igual ca no físico, onde os seus ósos de cristal a facían incesante coleccionista de fracturas, tampouco no eclesial se rendeu nunca. Chegou a Santiago, tras longa ausencia, coma un vendaval de creatividade posconciliar. A súa actividade en Encrucillada foi dalgún xeito a bandeira máis visible. Pero estivo tamén no parto ou, cando menos apoiounas sempre, de cantas iniciativas anova-doras nacían entre nós.
Estivo presente, cun grupo valente de compañeiras relixiosas e algúns mestres e mestras laicos, na orientación conciliar dun grupo de actualización teolóxica para o ensino da relixión na escola. Desde aí, desde 1970, ese grupo medrou alén do proxecto e da composición inicial, e non deixa de cultivar unha vivencia lúcida e actualizada da fe. A través da súa excepcional capacidade pedagóxica, ela trasladou ese mesmo espírito aos alumnos que atendeu en Santiago –pioneira en ensinar tamén no seminario–, Ferrol e Pontevedra. Sempre promotora de o facer nun galego que tivo que recuperar, tras unha infancia castelanizada e un longo periplo fóra de Galicia. No lle foi doado, pero deixou exemplo e semente.
Sería inxusto, amais de imperdoable, no facer mención expresa dunha iniciativa, de profundo alcance social que, coas súas compañeiras do Sagrado Corazón, animou en Santiago. Unha residencia, A Lareira, dedicada a rapazas do mundo rural, para que puidesen estudar en Santiago, superando o duro atranco económico que tantos talentos fixo perderse na nosa historia. Logrouse grazas a unha gratuidade estendida ata o límite posible. Con xestión radicalmente comunitaria e compartida entre relixiosas e residentes, permitiu facer estudos a varios centos de rapazas. Forman hoxe unha espléndida coroa de varios centos de persoas que lograron realizar os seus estudos, estendidas por distintos lugares da nosa xeografía. Unha iniciativa que ben merecería un coidadoso estudo socio-relixioso.
Xa cara á fin da súa longa vida, Engracia foi unha presenza moi significativa na Asociación Mulleres Cristiás Galegas, Exeria. Nese eido achegara tamén un libro, Por unha Igrexa tamén feminina (2000), que dalgún modo iniciou a xeira de publicacións quedesde esta asociación vai inzando paseniña e xa imparable no seo da nosa igrexa.
A nosa revista terá aínda ocasión de se estender analizando con máis detalle e precisión outros aspectos da súa influencia, sementeira aínda viva de ilusión galega e esperanza cristiá. Remato, acollendo as palabras de agradecemento que, na celebración funeral da súa morte e resurrección, pronunciou María Pilar Wirtz, desde o comezo en Santiago compañeira entrañable de fe, traballos e esperanzas:
"Grazas, Engracia, no nome de toda esta «gran familia» que te queremos, que agradecemos a Deus o teu paso por esta terra e a gran sorte de te termos coñecido. Aquí estamos Engra, coa túa presenza resucitada querendo levar adiante as causas polas que ti, con tanta paixón, entregaches a túa vida".